Mañá, xoves, ás 13,00 h., o Delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, visitará o Ceip de Begonte, para – acompañado do
Alcalde, José Ulla, e do Presidente do Belén, Xulio Xiz, presentar a UNIDADE DIDÁCTICA DO BELÉN DE BEGONTE, confeccionada polo profesorado do Centro para que todos os centros educativos que o desexen dispoñan da información e pautas para achegar aos seus alumnos a realidade e historia desta manifestación á que é posible achegarse desde tantos puntos de vista.
A Unidade está editada en galego e castelán, para que sexa utilizable a nivel nacional, e será facilitada gratuitamente a todos os centros interesados. Estará asi mesmo colgada na web do Belén, para facilitar a súa difusión e utilización.
O profesorado do Ceip de Begonte, dirixido por Eliseo Real Franco, realizou un exhaustivo traballo sobre o Belén, logrando unha publicación que resulta moi atractiva mesmo aos profanos no mundo educativo, e constituirá un singular elemento de coñecemento e divulgación do Belén, e punto de partida dos traballos para intentar que sexa declarado de Interese Turistico Nacional.
Cursiño audiovisual para 12 alumnos do Ceip
O Centro cultural José Domínguez Guizán, impulsor do Belén de Begonte, convoca anualmente un Certame audiovisual co gallo do Nadal, no que se quere dar especial acollida aos alumnos do Ceip begontés.
Para facilitar a súa participación, Belén e Colexio van desenvolver un breve cursiño de formación audiovisual, que se vai desenvolver en tres venres do mes de novembro, impartido pola fotógrafa Begoña Pérez.
A duración de cada xornada do cursiño será de entre 90 e 120 minutos. Están seleccionados xa os doce participantes, todos voluntarios.
A primeira xornada será nas instalacións do colexio. A segunda, no colexio e filmacións nas instalacións do Belén. E a terceira, dedicada a montaxe, no Colexio.
Ao rematar esta presentación, xa no exterior do Colexio, visitarase o XARDÍN DO BELÉN DE BEGONTE, e acudirase ao Belén para contemplar o novo aspecto exterior do edificio, que ostenta na parte superior un mural nadaleiro obra do artista Diego As.