O Bloque Nacionalista Galego de Pedrafita do Cebreiro denuncia a “grave situación que sofre o pobo do Cebreiro, que permanece totalmente ás escuras pola falta de iluminación pública. As rúas da localidade, un dos enclaves máis coñecidos e visitados do Camiño de Santiago, carecen de alumeado dende hai meses, o que supón un serio problema de seguridade tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes”.
Alca
Dende o BNG cualifican esta situación de “inadmisíbel e perigosa”, lembrando que a falta de luz obriga aos veciños e veciñas a desprazarse de noite axudándose coa luz dos móbiles. “Falamos dun pobo que recibe milleiros de peregrinos ao ano e que non pode ofrecer unha imaxe tan lamentábel nin poñer en risco a seguridade da xente”, sinalan dende a formación nacionalista.
Segundo explican, o problema vén derivado das obras executadas polo Concello hai máis dun ano, despois das cales non se chegou a conectar o alumeado público nin se repuxo o sistema eléctrico, deixando os farois sen operatividade a día de hoxe.
O BNG lembra que a responsabilidade é directa do goberno municipal do PSOE, que leva máis dun ano sen dar unha solución a unha situación que afecta á vida diaria da veciñanza e á imaxe turística do municipio.
“O Cebreiro é un dos símbolos máis recoñecidos de Galicia e non pode estar sumido na escuridade por desleixo ou incompetencia. É unha cuestión de seguridade, de dereitos veciñais e tamén de respecto ao noso patrimonio”, subliñan.
Por todo isto, o BNG insta ao Concello de Pedrafita a tomar medidas urxentes para repoñer o servizo de iluminación pública, revisar o estado das instalacións e garantir unha iluminación axeitada nas zonas de maior perígo e tránsito peonil. “Non hai desculpa posíbel: é unha obriga básica dun goberno municipal garantir un mínimo de seguridade e servizos públicos nun núcleo tan emblemático como o Cebreiro”, conclúen.




