As inmediacións da árbore da vida de Santo Domingo acolleron esta mañá o acto institucional polo 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, ao acto acudiron moitas e moitos lucenses, que quixeron amosar así o seu compromiso para loitar fronte á violencia machista, pese á forte choiva que apareceu pouco antes de rematar a lectura do manifesto.
A edil Ángeles Novo foi a encargada de dar paso a esta lectura, a cargo dunha antiga usuaria da Casa da Muller, non sen antes resaltar que “hoxe é un día para reafirmarnos na responsabilidade que temos como sociedade de garantir vidas libres de medo, de agresións e de desigualdades”. “A defensa dos principios de igualdade, seguridade, liberdade, integridade e dignidade inherentes a todos os seres humanos son unha prioridade para todos e todas, e nesta liña comprometémonos coa loita contra a violencia exercida contra as mulleres polo simple feito de selo e contra os seus fillos e fillas”, sinalou.
Ademais, lembráronse ás 39 mulleres mortas a mans das súas parellas pu ex parellas e aos tres menores foron asasinados en contextos de violencia de xénero, sumando xa 65 dende 2003. Igualmente, se explicou que o último informe do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial advirte dun incremento do 5 % nas denuncias en Galicia respecto ao ano anterior. Neste sentido, a encargada de ler o manifesto explicou que “vivimos nunha sociedade legalmente igualitaria, con un marco xurídico que nos sitúa á vangarda dos países do entorno, a nivel estatal e autonómico, pero onde as cifras de mortes e agresións contra as mulleres e as súas fillas e fillos continúan sendo abafantes”. Por iso, sinalou é tan importante “incrementar os esforzos para dar unha resposta integral ás vítimas e erradicar aquelas actitudes e comportamentos que reproducen a desigualdade e que están na orixe da violencia de xénero, contribuíndo a perpetúala”.
Acto na delegación da Xunta
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe o acto de conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. As directoras territoriais de Medio Rural, Olga Iglesias, e de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, deron lectura á Declaración institucional na que o Goberno galego reafirma o seu compromiso “firme e sostido para previr, detectar e erradicar todas as formas de violencia contra as mulleres”, impulsando políticas transversais que alcancen todos os ámbitos. “A Xunta consolidou este ano a súa acción ao redor de tres eixos: prevención e detección, atención integral e independencia económica das mulleres vítimas” subliñaron durante o acto. E remataron dicindo que “identificar desigualdades, desmontar estereotipos e fomentar relacións de respecto e igualdade, para o que se traballa a concienciación nos espazos educativos, de cultura e lecer, e tamén nos espazos laborais”.




