Esta tarde a Asociación Lugo Monumental explicou na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo os problemas derivados das obras do centro histórico de Lugo, que “provocaron perdas aos establecementos da zona, danos a outras rúas e máis de cen feridos tendo en conta unicamente aos contabilizados oficialmente pola mala execución e a improvisación dos traballos”.
Todos os grupos parlamentarios presentes mostraron o seu firme apoio a esta petición salvo, “como era previsible, o do Partido Socialista. Chamou a atención segundo información de Lugo Monumental, que o grupo dos Verdes, no que está integrado o BNG, ausentouse durante o debate desta petición e así evitou votar sobre a mesma”.
En representación da Asociación acudiu Luis Latorre, o seu presidente, a quen acompañou o concelleiro e tamén socio de Lugo Monumental, Ramón Cabarcos.
Que pasa a partir de agora?
Ao manterse aberta a petición a Comisión Europea remitirá o expediente a diferentes organismos que velan tanto polo cumprimento dos obxectivos das subvencións como dos criterios ambientais, e o representante da mesma prometeu manterse en “contacto con Lugo Monumental para seguir solicitando información do sucedido en Lugo”. Segundo a asociación, “unha petición só se admite a trámite se existen indicios de que ten base. Que unha petición se mantéña aberta é o paso seguinte: non implica que se constate unha infracción, pero si que se considera que hai indicios importantes de que os procedementos non se levaron a cabo correctamente.
A Asociación continúa “enténdese, por tanto, que a Comisión considera que o problema segue vixente e que hai sospeitas de que pode existir unha infracción do Dereito da UE ou unha afectación relevante de dereitos”. Nese caso seguirase solicitando información e poderán solicitar máis informes á Comisión Europea, a gobernos nacionais ou autonómicos, ou a outras entidades. • Tamén se poden pedir aclaracións adicionais ao peticionario. Mesmo podería volver incluírse nunha futura sesión, aínda que iso é pouco probable e se xurdisen novidades, a petición pode volver debaterse. Asemade poderíase crear unha misión de investigación e mesmo emitir un informe parlamentario se o caso xustifícao. En resumo, manter aberta a petición implica que Bruxelas ve marxe para seguir analizando. “
Valoración de Lugo Monumental
Para a Asociación é unha vitoria moral máis que evidente que se chegou a este punto. A pesar dos intentos do goberno local de infravalorar este procedemento, a representación da Comisión Europea (o goberno da Unión Europea) apoiou con claridade os puntos de vista de Lugo Monumental. As críticas vertidas pola Asociación desde o primeiro momento sobre o escurantismo que rodeou todos estes proxectos (fíxose fincapé en que non só non houbo ningún tipo de consulta previa, senón que tampouco levou a cabo unha exposición pública e os proxectos xamais se colgaron da web municipal) e a súa desacertado enfoque en moitos aspectos (entre outros o ambiental) foron apoiadas pola Unión Europea. A Asociación valora tamén moi positivamente que en caso de haber unha sanción non repercuta na cidade, debido a que era unha das principais solicitudes xa que sería paradoxal que a soportasen os propios peticionarios”.




