Abre a muralla!

O cubano Nicolás Guillén quixo abrir as murallas ao corazón do amigo, e pechalas ao veneno e ao puñal, chamando a construir unha muralla de unión, xuntando todas as mans.

Agora que vimos de celebrar o primeiro cuarto de século de que a muralla fose declarada Patrimonio de Humanidade, noto a necesidade de que Lugo se abra á muralla; de que a muralla aberta se convirta en símbolo, patrimonio e obxectivo para a cidade de Lugo.

Os lucenses non dubidamos en arrimar o ombreiro cara á consecución dun obxectivo, e lograr que fose declarada Patrimonio de Humanidade foi tarefa asumida por institucións e particulares, por orgullo patrio máis que como punto de partida para algo grande. E unha vez conseguida a nominación, a muralla deixou de ser preocupación e ocupación. Un cuarto de século despois, podemos ter avanzado en estudo e coñecemento do monumento, pero non en valoración e – permítaseme – en explotación.

En calquera outro lugar do planeta que tiveran a única muralla romana completa do mundo, que puidera percorrerse polo interior, exterior e pola parte superior, terían creado un parque temático, celebrado congresos, convocado concursos de ideas, creado unha empresa oficial, unha xerencia de promoción, un instituto de estudos… algo que abrise a muralla ao coñecemento e valoración, ao turismo europeo, aos circuitos internacionais da arte e da cultura, a un museo da romanidade; algo que provocase a unión dos aparentemente abúlicos lucenses nunha causa común digna dos maiores éxitos.

Un cuarto de século despois, estamos satisfeitos. Non nos decatamos de que o que precisamos, agora e sempre, é abrir dunha vez a Muralla.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com