O PPdeG cualifica de “pacto guarro” de PSOE e BNG con Tomé para manterse na Deputación de Lugo a costa da “dignidade das mulleres”

O PPdeG lamenta que “PSOE e BNG vaian consumar mañá o pacto guarro cun presunto agresor sexual, José Tomé, polo seu  voto, necesario para manterse no goberno da Deputación de Lugo trala dimisión forzada de Tomé por varias acusacións de acoso sexual”.

A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, amosou hoxe en Lugo o seu rexeitamento a este “branqueo” dun comportamento “indigno” e que vai supor “escribir unha das páxinas máis negras da historia de Lugo coa complicidade de Xosé Ramón Gómez Besteiro e Ana Pontón”. Por outra banda, amosou o apoio do PP as vítimas do político socialista.

A número dous dos populares galegos cualificou de “hipocrisía” o comportamento do PSOE e do BNG, que primeiramente esixiron a José Tomé que deixara de ser tanto deputado provincial como alcalde de Monforte, dúas dimisións que semanas despois seguen sen consumarse. Porén, “despois de pedir o seu cese, mañá consuman ese pacto guarro”.

Neste sentido, criticou a postura do BNG, a quen define como “cómplice” de que mañá na Deputación de Lugo se elixa a unha presidenta co apoio dun presunto acosador sexual. Paula Prado pregúntase con que cara van mirar ás mulleres cando vicepresidan a Deputación co voto de José Tomé e formando goberno coa persoa que encubriu ese presunto acoso, en referencia a Pilar García Porto.

“Estamos ante dous partidos que non respectan os dereitos das mulleres e séntanse con Tomé, vendendo os dereitos das mulleres por medio millón de euros. Ese é o prezo da dignidade das mulleres”,Prado.

Do mesmo xeito, amosouse moi crítica co “aval” de Besteiro e Pontón a ese pacto “guarro”. “Son cómplices e autorizan esta operación, pola que mañá unha muller vai ser presidenta da Deputación de Lugo co voto dun agresor sexual”, puntualizou sobre os líderes de PSdeG e BNG.

Tamén foi crítica con determinado sector do feminismo galego, preguntándose cantas organizacións se manifestarán mañá diante das portas da Deputación de Lugo. “Vai estar a Marcha Mundial das Mulleres? Vai estar a CIG? Mañá veremos a realidade do feminismo desas mulleres que se manifestan ras rúas pedindo que os agresores sexuais saian das institucións”, manifestou a secretaria xeral do PPdeG ante os medios.

Intervención de Elena Candia

Pola súa banda, a presidenta provincial do PP, Elena Candia, analizou o “comportamento moi criticable e indigno de PSOE e BNG no caso Tomé  e subliñou que “Os lucenses teñen que coñecer quen está ao fronte destes dous partidos políticos e o que valen os seus principios. No caso do BNG, 500.000 euros”.

Candia asegura que o PSOE perpetúa a presentación dunha candidata para a que precisa o voto do ex presidente, a quen o secretario xeral do PSdeG lle pediu a acta e lle pediu a súa dimisión.

A presidenta provincial lembra que o PSOE xa non fala de presunto: “Non imos poñer nós en dúbida se o propio PSOE tivo a contundencia de pedirlle a dimisión. Pero o PSOE ten a compracencia de ampararse no seu voto, que é necesario para a elección da que, como todo parece indicar, será a próxima presidenta da Deputación de Lugo”. E, ademais, ten que apoiarse noutra persoa que foi “absolutamente coñecedora, colaboradora, cooperadora que non deixou a acta e que vai ser imprescindible para esa votación”, engade.

Por outra banda, Candia asegura que  o BNG branquea o comportamento por moi indigno que sexa por 500.000 euros. O seu feminismo a súa defensa dos dereitos das mulleres, as súas reivindicacións que todo coñecemos e constantemente escoitamos quedan minimizadas, branqueadas, normalizadas a cambio de 500.000 euros. A coherencia non existe nestes comportamentos”, puntualiza.

A dirixente popular preguntouse “que foi do BNG” toda vez que “cunha posición férrea defendendo os seus principios esixiu que o candidato á alcaldía Orozco se apartara. De feito, non se sentou a negociar ata que Orozco deixou a súa acta”. E, do mesmo xeito, incluso abandonou o goberno provincial cando o PSOE chegara a un acordo con Martínez -unha vez fóra do PSOE- para aprobar os orzamentos da Deputación de Lugo.

Sobre Tomé lembra que “o ex presidente dicía que no seu momento tomaba esa responsabilidade para restablecer a normalidade democrática” na institución provincial e “acabou provocando a situación máis indigna e máis anómala dentro do análise democrático que tivo esta institución nunca”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com