Os atropelados facían traballos de mantemento na vía, na A-8, quilómetro 587, Pígara, sentido Asturias
Segundo a información que facilitan os axentes de Tráfico ao 112 Galicia, os operarios traballaban na vía cando foron atropelados por unha guindastre tras bater contra un coche de mantemento que se atopaba parado na vía.
Dous deles faleceron, os outros dous resultaron feridos de consideración. Ademais, segundo se lle informa ao 112 Galicia, o condutor da guindastre tamén precisou asistencia sanitaria.
Ademais dun particular, o mesmo condutor da guindastre contactou co 112 Galicia sobre as 14:00 horas deste mediodía, para informar do suceso. Indicaban que tres persoas foran atropeladas e que estaban graves.
De inmediato, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que derivaron varias ambulancias ao punto. Tamén foron informados os axentes de Tráfico, Bombeiros de Vilalba, persoal de mantemento da vía e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.
Así mesmo, informouse do suceso ao persoal do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) por se fose precisa a súa intervención.
Finalmente, os profesionais sanitarios confirmaron ao 112 Galicia o traslado de tres persoas ao centro hospitalario de referencia.






