A Asociación de Xubilados e Pensionistas de Lugo concéntrase diante do Concello

A Asociación de Xubilados e Pensionistas de Lugo celebrou esta mañá unha concentración diante da Casa do Concello para trasladar diversas reivindicacións relacionadas co sistema de pensións, a atención sanitaria e a defensa dos servizos públicos.

Na mobilización participaron varias persoas asociadas e contou coa presenza das tenentas de alcalde de Cohesión Social, Olga López Racamonde, e da Área de Xestión de Recursos Internos, Ana González Abelleira, que amosaron o seu apoio ás demandas expostas polo colectivo.

Tras a concentración, representantes da asociación desprazáronse ao Salón de Plenos do Concello, onde mantiveron unha reunión coas dúas concelleiras. Durante o encontro, as responsables municipais abriron un espazo de diálogo co obxectivo de escoitar de primeira man as preocupacións e propostas das persoas pensionistas presentes.

Un dos asuntos centrais abordados foi a posta en marcha do Consello do Maior, un órgano de participación destinado a incorporar a visión das persoas maiores no deseño das políticas municipais. Neste contexto, Olga López Racamonde informou de que se están a ultimar os trámites administrativos necesarios para a súa creación, cuxa posta en funcionamento será inminente.

Segundo explicou a concelleira, o Consello do Maior pretende converterse nun espazo de traballo conxunto no que participen asociacións de persoas maiores, administracións públicas, sindicatos e o tecido asociativo, co fin de favorecer políticas adaptadas á realidade deste colectivo.

Desde o Goberno local reiterouse tamén o compromiso de actuar nas demandas que son competencia municipal e de apoiar institucionalmente aquelas reivindicacións que dependen doutras administracións, coa finalidade de facilitar que cheguen ás instancias correspondentes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com