Este venres, 13 de febreiro, tivo lugar a presentación do 36º Congreso da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría que se celebará na cidade de Lugo os vindeiros 22 e 23 de maio.
O XXXVI Congreso Internacional sobre Xeriatría e Xerontoloxía, é un espazo den encontro que nace co firme compromiso de repensar o envellecemento desde a dignidade, os dereitos e o coidado consciente.
Baixo o lema “Vivir máis, vivir mellor: dignidade, dereitos e coidado na lonxevidade”, esta edición convida a reflexionar sobre unha realidade incontestable: vivimos máis anos ca nunca. Mais, xunto a ese logro demográfico, emerxe unha responsabilidade colectiva ineludible: garantir que esa vida prolongada sexa plena, activa, saudable e xusta.
Durante dúas xornadas, arredor de 60 relatoras e relatores daranse cita neste congreso para reflexionar e analizar a nova realidade dunha sociedade que envellece e que formula novos retos para dar resposta ás necesidades que isto implica.
José María Faílde, presidente da SGXX, destacou que “Este congreso aspira a reunir voces expertas do ámbito científico, profesionais da xeriatría e da xerontoloxía, responsables institucionais, axentes sociais e organizacións comprometidas coa construción de sociedades inclusivas. Queremos impulsar un foro onde o envellecemento non se entenda como unha etapa de renuncias, senón como un territorio de oportunidades, participación e recoñecemento”.
Varias liñas temáticas
O programa abordará cuestións clave para o presente e o futuro da lonxevidade: a promoción da saúde en idades avanzadas, a loita contra o idadismo en todas as súas manifestacións, a defensa dos dereitos das persoas maiores, a implementación de modelos de atención centrados na persoa e os desafíos éticos e tecnolóxicos que marcarán a xeriatría das próximas décadas.
Neste sentido, o presidente da SGXX incidiu en que “o congreso quere ser tamén unha tribuna para a innovación e o debate informado. Cada experiencia compartida, cada investigación presentada e cada proposta de política pública contribuirán a un mosaico colectivo orientado a transformar a maneira en que entendemos e acompañamos o envellecemento”.
Así, Lugo converterase nun punto de encontro internacional para quen traballa por unha lonxevidade con sentido, dereitos e calidade de vida, consolidando este congreso como unha cita de referencia no ámbito da xeriatría e da xerontoloxía.






