A Deputación abre este venres 27 de marzo ás 8:00 horas o prazo de inscrición para unha nova programación gratuíta de actividades de lecer e educación ambiental correspondente ao segundo trimestre do ano.
O programa inclúe 19 actividades con máis de 187 prazas, que se desenvolverán entre o 1 de abril e o 3 de xullo nas Reservas da Biosfera de Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.
En Terras do Miño, ofértanse obradoiros para adultos (plantas tintóreas, horticultura, xoiaría botánica, encadernación, biodiversidade, etc.), actividades continuas como ioga na natureza, propostas para a infancia e eventos especiais como o Día do Medio Ambiente e unha exposición final.
Na Reserva dos Ancares Lucenses, a programación inclúe actividades en Navia de Suarna, Becerreá e Cervantes, con obradoiros musicais, científicos, de cestería e biodiversidade, ademais dunha conferencia e actividades de benestar emocional.
As persoas interesadas poden inscribirse a través de teléfonos, correo electrónico ou na web habilitada pola Deputación.






