Hoxe inaugurouse a mostra “50 aniversario de Fuxan os Ventos”, a exposición ofrece un percorrido pola traxectoria da formación a través de materiais documentais e obxectos que permiten reconstruír a súa evolución artística e a súa pegada ao longo de cinco décadas. A iniciativa dá continuidade ás actuacións especiais celebradas no auditorio no pasado ano 2025.
Fuxan os Ventos naceu no ano 1972 a partir da unión dun grupo de rapaces e rapazas que cantaban no coro do Colexio Menor do Santísimo Sacramento de Lugo. O seu primeiro nome, Folk72, foi deixado de lado despois de gañar o primeiro premio no III Festival Musical das San Lucas de Mondoñedo co tema Fuxan os Ventos.
Pola agrupación pasaron máis de 30 músicos e interpretes, como os históricos Tareixa Novo, Sabela Rodríguez, Xosé Luís Rivas, (Mini), Baldomero Iglesias (Mero), Xosé Luís Freire, Moncho Díaz; ou un “descoñecido membro para moitos” quen participou nos principios do grupo, o xornalista Paco Nieto. Fuxan os Ventos tivo durante toda a súa carreira un alto compromiso social, chegando a toda a sociedade galega con mensaxes comprometidas coas distintas problemáticas das galegas e galegos, apostando sempre pola lingua galega.






