A Unidade Operativa de Drons da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) incorpórase esta mañá ás tarefas de rastrexo coordinadas pola Garda Civil en Carballedo. Ademais destas unidades aéreas, a Axega tamén puxo a disposición do operativo o seu dron subacuático, que queda á espera de ser requirido en función das necesidades técnicas da procura.
Cabe destacar que o 112 Galicia recibiu aviso deste suceso minutos despois das 16:30 horas da tarde do luns, a través dun particular que fora informado por un dos implicados, quen conseguiu saír da auga: perdera ao seu compañeiro de vista tras envorcar cun caiac na zona do encoro dos Peares, na parroquia da Cova (Carballedo).
Segundo a información recibida nun primeiro momento pola Garda Civil, os mozos saíron en caiac do embarcadoiro de Peares, remontaron o río e cando volvían sufriron o accidente. Un dos seus helicópteros localizou a embarcación ese mesmo día.
Con estes datos, desde o 112 Galicia activouse decontado un operativo coordinado pola Garda Civil e que nestes momentos continúa traballando no punto para localizar ao mozo. Trátase dunha zona especialmente complexa pola súa escarpada orografía.






