Vía Galega conmemora en Lugo o 180 aniversario da Revolución Galega de 1846 cunha palestra aberta

A asociación Vía Galega en Lugo organiza unha palestra para conmemorar o 180 aniversario da Revolución Galega de 1846. O acto terá lugar o vindeiro xoves, 16 de abril, ás 19:00 horas no Vello Cárcere de Lugo.

Baixo o título “A Revolución Galega de 1846: significado e relevancia histórica”, a charla pretende achegar á cidadanía unha visión clara e comprensible deste importante episodio da historia de Galicia. Durante a sesión repasaranse os principais feitos do movemento, comezando polo pronunciamento liderado por Miguel Solís en Lugo o 2 de abril de 1846.

Tamén se abordará a adhesión de Compostela á revolta o 4 de abril, así como a constitución da Xunta Superior de Goberno de Galicia o día 15, un dos momentos clave do proceso. A palestra lembrará igualmente o tráxico desenlace co fusilamento dos chamados mártires da liberdade o 26 de abril, un feito que marcou profundamente a memoria colectiva galega.

O relatorio correrá a cargo do profesor doutor da Universidade da Coruña, Uxío Breogán Diéguez Cequiel, quen analizará tanto o desenvolvemento dos acontecementos como a súa relevancia histórica e política.

Desde Vía Galega fan un chamamento á veciñanza de Lugo para asistir a este acto e participar na lembranza dun capítulo fundamental da historia de Galicia, contribuíndo así á difusión e coñecemento do seu pasado.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com