A Praza de San Marcos acolle desde esta tarde a mostra fotográfica “A lingua do futuro. O futuro da lingua”, da autora Alba Díaz, un proxecto artístico que pon o foco nas novas xeracións e no uso do galego nun contexto marcado pola súa perda progresiva.
A exposición reúne arredor dunha vintena de imaxes nas que a fotógrafa e mestra retrata a nenas e nenos que continúan empregando maioritariamente a súa lingua materna. As fotografías, en branco e negro, combínanse con elementos simbólicos que remiten a figuras destacadas da cultura galega, como cantantes, músicas ou escritoras, así como con palabras vinculadas ao afecto, á natureza e a distintos fenómenos atmosféricos.
A proposta busca convidar á reflexión sobre a situación actual da lingua galega, poñendo en valor o seu uso entre a infancia como elemento clave para o seu futuro. Neste sentido, o acto de inauguración incluíu tamén unha compoñente artística coa participación musical de Laura LaMontagne e a lectura de versos a cargo de Antía Otero.
A instalación da mostra ao aire libre responde á intención de facilitar o acceso á cidadanía e ampliar a súa difusión, especialmente entre o público máis novo, reforzando así o seu carácter divulgativo e aberto.






