O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible continúa avanzando nas obras de mellora de varios túneles situados no porto de Pedrafita, entre os quilómetros 407 e 464,5 da autovía A-6. As actuacións afectan a infraestruturas situadas tanto na provincia de Lugo —Cereixal, Doncos, San Pedro e Pedrafita— como na de León —Trabadelo, A Escrita e Vilafranca—.
O proxecto conta cun investimento total de 24,7 millóns de euros (IVE incluído), dos cales 18,3 millóns proceden dos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR). Esta partida inclúe tamén a modernización do túnel de Montefurado, na estrada N-120. Os 6,4 millóns restantes destínanse a actuacións adicionais nos sistemas de ventilación.
Nesta fase, os traballos céntranse na adecuación e renovación das instalacións eléctricas nos túneles de Cereixal, Doncos e San Pedro, o que obrigará a realizar cortes temporais na autovía A-6.
No túnel de Cereixal, pecharanse ambas calzadas —en sentido Madrid e A Coruña— entre os quilómetros 451 e 456 desde as 22:00 horas do luns 6 de abril ata as 09:00 horas do xoves 9. Ademais, a noite do xoves 9 producirase un novo corte entre as 21:00 e as 07:00 horas. Como alternativa, o tráfico desviarase pola estrada N-6 entre os enlaces de Becerreá/Cereixal e Becerreá/Navia de Suarna.
Pola súa banda, o túnel de Doncos permanecerá pechado entre os quilómetros 438 e 451 desde as 09:00 horas do luns 20 de abril ata as 09:00 horas do mércores 22. Neste caso, tamén se habilitarán desvíos pola N-6 entre os enlaces de Doncos/Noceda e Becerreá/Navia de Suarna.
Finalmente, no túnel de San Pedro, os cortes terán lugar entre os quilómetros 431 e 438 desde as 09:00 horas do luns 27 de abril ata as 09:00 horas do mércores 29. Así mesmo, rexistraranse cortes nocturnos os días 29 e 30 de abril, entre as 21:00 e as 07:00 horas. Os desvíos realizaranse pola N-6 entre Pedrafita do Cebreiro e Doncos/Noceda.
Estas actuacións teñen como obxectivo mellorar a seguridade e a eficiencia das infraestruturas viarias, no marco da modernización da rede estatal de estradas.






