Un home perdeu a vida na tarde deste xoves tras sufrir un accidente cunha res no lugar de Carelle Grande, na parroquia do Burgo, no municipio lucense de Muras.
O suceso produciuse arredor das 19:00 horas, momento no que un familiar da vítima contactou co 112 Galicia para dar a voz de alarma. Segundo indicou na chamada, o home fora aplastado polo animal.
Ata o lugar desprazouse de inmediato un operativo de emerxencias no que participaron efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizaron o helicóptero medicalizado con base en Santiago, así como axentes da Garda Civil.
Unha vez no punto, os profesionais sanitarios non puideron facer nada por salvarlle a vida e confirmaron o falecemento do home. Investíganse as circunstancias nas que se produciu o accidente.






