A terceira sesión de Lugopoética 2026 celebrouse na sede da UNED en Lugo, dentro desta iniciativa cultural impulsada por Egeria co apoio da UNED e da Xunta de Galicia, que este ano acada a súa terceira edición. O acto, coordinado por Xosé Carlos Ulloa e presentado pola directora da UNED Lugo, Ana Traseira, contou coa participación dos escritores Xosé Lois García e Ramón Rodríguez Porto, quen leron e comentaron os seus poemas.
Durante máis dunha hora e media, ambos autores compartiron parte da súa obra, intercambiaron impresións sobre o seu traballo literario e reflexionaron sobre o proceso creativo e a situación da poesía galega actual. Este encontro permitiu achegar ao público unha visión profunda e dialogada da creación poética contemporánea.
Como novidade destacada desta edición, incorporouse a música ao evento coa actuación de Angélica Darriba Fernández, unha moza de 12 anos das Escolas de Música Mancomunadas, que interpretou varias pezas coa frauta traveseira ao longo da sesión, fusionando así poesía e música nun mesmo espazo.
Os contidos desta e das restantes sesións servirán de base para unha futura publicación que recollerá esta experiencia poética interxeracional. O ciclo continuará o 14 de maio na UNED de Lugo, con entrada libre, e contará coa participación doutros autores convidados.






