A Sección Sindical de CCOO no Concello de Lugo anunciou a presentación de accións xudiciais contra os Orzamentos municipais de 2026 ao considerar que o procedemento de elaboración das contas incumpriu os mecanismos de negociación colectiva establecidos.
Segundo informou o sindicato, a decisión prodúcese tras presentar alegacións ao documento orzamentario e reclamar, sen éxito, a apertura dun proceso de diálogo co goberno municipal. CCOO sostén que os orzamentos foron elaborados sen a participación da representación sindical do persoal municipal.
O sindicato denuncia “ocultación e dedocracia” xa que segundo o sindicato “o goberno municipal aprobou estas contas sen convocar a Mesa Xeral de Negociación nin facilitar a documentación necesaria. Esta falta de transparencia agocha o reparto opaco de partidas. Os cartos de todos os lucenses non poden repartirse sen criterios claros nin control; a cidadanía merece saber como e por que se paga cada euro do capítulo de persoal”.
CCOO tamén apunta que existen precedentes noutras administracións locais galegas nos que os tribunais anularon orzamentos municipais por deficiencias vinculadas á negociación colectiva. Neste sentido, fai referencia ao caso do Concello de Ferrol como exemplo de resolucións xudiciais sobre esta materia.
A organización sindical defende que a negociación colectiva constitúe un dereito fundamental do persoal empregado público e reclama que os procedementos administrativos se desenvolvan conforme á legalidade e aos principios de transparencia.E asevera que Lugo merece un concello que cumpra a leí”
Pola súa parte, o goberno municipal non realizou, polo momento, unha valoración pública sobre o anuncio das accións xudiciais comunicadas polo sindicato.






