A nova estación intermodal de Lugo atópase xa na súa fase final de execución e converterase nunha infraestrutura clave para a modernización da mobilidade na cidade. Así o destacou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, quen subliñou que este proxecto suporá “un antes e un despois para Lugo”, ao facilitar a conexión coa alta velocidade e saldar “unha débeda histórica” coa cidadanía lucense.
Segundo explicou, as obras avanzan a bo ritmo, co edificio de viaxeiros xa completamente estruturado e pechado, mentres se ultiman as instalacións técnicas. Tamén están practicamente rematadas actuacións clave como a pasarela peonil que conecta a estación ferroviaria co aparcadoiro e a terminal de autobuses, así como o paso inferior, que servirá tanto de acceso aos andéns como de paso urbano.
Os traballos nos andéns entran igualmente na súa fase final, coa colocación de indicadores, sistemas de megafonía e probas técnicas. En paralelo, continúa a urbanización do entorno da estación, tanto na zona da cidade como no parque do Sagrado Corazón e nos accesos desde a Praza do Conde Fontao e a Rúa Alta.
No ámbito das infraestruturas viarias, o delegado tamén puxo en valor os avances na A-54, cuxo último tramo está próximo a finalizar, o que permitirá reducir o tempo de viaxe entre Lugo e Santiago a arredor de 50 minutos. “Estamos a cumprir tamén nesta infraestrutura clave, demandada durante décadas pola cidadanía”, afirmou.






