O debuxante ferrolán Siro López inaugurou este martes no Pazo de San Marcos unha nova edición do programa ilustrarNÓS, para fomentar a creación artística e achegar a ilustración á comunidade educativa e ao público novo.
A actividade consistiu nunha demostración aberta ao público na que o artista, homenaxeado este ano no Día da Ilustración, realizou dúas caricaturas do escritor Ramón Otero Pedrayo e improvisou posteriormente unha viñeta humorística inspirada en persoas asistentes ao acto.
Durante a sesión, Siro compartiu tamén reflexións sobre a súa traxectoria profesional e a súa paixón polo debuxo, que mantén intacta tras máis de oito décadas de vida e miles de ilustracións publicadas. O autor lembrou ademais a súa relación con Otero Pedrayo, do que asegurou ter realizado a primeira caricatura.
A programación de ilustrarNÓS inclúe tamén obradoiros e charlas en centros educativos da provincia. O propio Siro impartiu este martes actividades no IES Lucus Augusti e no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, onde, segundo destacou, atopou unha elevada participación e interese por parte do alumnado.
Nas próximas semanas, a ilustradora e deseñadora lucense Sandra Lodi, gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada 2024, desenvolverá novos obradoiros en distintos centros educativos da provincia, entre eles o CPI de Castroverde, o CEIP Rosalía de Castro de Lugo, o CEIP Albeiros, o CEIP Virxe da Luz de Portomarín, o CEIP Rosalía de Castro de Bóveda, o CPI Dr. López Suárez de Friol, o CEIP Terra Chá de Vilalba e o CEIP Concepción López de Baleira.
O programa complétase coa convocatoria da cuarta edición do certame escolar de ilustración ilustrarNÓS, dirixido a alumnado de 5º e 6º de Primaria, ESO, Bacharelato e ciclos formativos de grao medio. Nesta edición, o certame propón como temática o humor e anima ao estudantado a expresarse a través do debuxo e da ilustración. O prazo para presentar os traballos permanecerá aberto ata o vindeiro 19 de maio.





