A Real Academia Galega celebrará este domingo o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas dedicado á escritora e xornalista Begoña Caamaño no Teatro Principal de Santiago de Compostela. O acto central da gran celebración da cultura galega comezará ás 12:00 horas. Ademais de poder asistir ao acto no teatro, tamén poderá seguirse en directo a través da páxina web da institución.
A sesión académica contará coas intervencións de destacadas figuras do ámbito cultural galego. As académicas Ana Romaní e Marilar Aleixandre, xunto co académico Víctor F. Freixanes, ofrecerán diferentes alocucións centradas na vida, a traxectoria e a obra literaria de Begoña Caamaño. O encargado de pechar o acto será o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo. A música correrá a cargo da cantautora Sofía Espiñeira, que lle achegará un ton artístico e emotivo á celebración.
Unha celebración histórica da cultura galega
O Día das Letras Galegas naceu no ano 1963 por iniciativa da Real Academia Galega coa intención de homenaxear as grandes figuras da literatura en lingua galega. A primeira persoa homenaxeada foi Rosalía de Castro, figura fundamental das letras galegas contemporáneas, coincidindo co centenario da publicación de Follas novas. Desde entón, cada 17 de maio converteuse nunha xornada de reivindicación da lingua, da literatura e da identidade cultural galega.
Unha voz literaria singular e comprometida
A escritora desenvolveu inicialmente unha destacada carreira como xornalista e comunicadora, mais a súa incursión na literatura chegou relativamente tarde, aos 45 anos e só duraría 5 anos, xa que a súa vida viuse truncada polo seu prematuro falecemento, vítima dun cancro, cando acababa de cumprir os 50 anos, isto fixo que a súa creación quedara truncada. Porén, as dúas novelas que publicou lograron consolidala como unha das voces máis orixinais e relevantes da narrativa galega recente.
A súa primeira obra, Circe ou o pracer do azul, publicada en 2009, reinterpretaba o mito clásico da Odisea desde unha perspectiva feminista, ofrecendo unha nova visión da figura de Circe e cuestionando os roles tradicionais atribuídos ás mulleres na literatura clásica.
Posteriormente, en 2012, publicou Morgana en Esmelle, unha obra inspirada nas lendas do ciclo artúrico que afonda en temas como o poder, a liberdade, a identidade e o destino. Nesta novela, Caamaño revisita o mito de Morgana para construír unha personaxe complexa, humana e profundamente contemporánea.
Ambas as dúas obras destacan tanto pola súa capacidade para abordar grandes cuestións universais: o amor, a morte, a liberdade individual, a ética ou as relacións de poder. A autora conseguiu combinar unha narrativa accesible e amena cunha profunda reflexión política, social e feminista.
Como parte desta homenaxe, a Real Academia Galega editará o volume conmemorativo Begoña Caamaño presenta Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, unha publicación especial na que a propia autora reflexiona sobre os temas presentes nas súas novelas e sobre as fontes de inspiración que alimentaron o seu universo literario.



