A Xunta deu un novo paso para completar a conversión do corredor Lugo-Sarria nunha vía de alta capacidade coa adxudicación das obras do segundo e último tramo da autovía á empresa Copasa Infraestructuras, S.L.U. O contrato permitirá actuar no treito comprendido entre Nadela e A Pobra de San Xiao, cun prazo de execución previsto de 36 meses.
A actuación centrarase nun tramo de 13,5 quilómetros que comeza na glorieta de Nadela e remata no enlace da Pobra de San Xiao, xa actualmente en servizo. O proxecto inclúe varias intervencións singulares, entre elas os enlaces do Corgo e Maceda, un cruzamento de vía baixo a autovía A-54, a construción de dous viadutos sobre os ríos Chamoso e Neira, así como a ampliación de 13 pasos superiores e sete inferiores.
A futura autovía contará con dúas calzadas e dous carrís por sentido, o que permitirá reducir os tempos de desprazamento e mellorar a seguridade viaria ao facilitar os adiantamentos sen risco. Ademais, ofrecerá unha condución máis cómoda e fluída entre Lugo e a comarca de Sarria.
A infraestrutura reforzará tamén a conexión cos principais eixes de comunicación nacionais, especialmente coa A-6 e a A-54, que conflúen no nó de Nadela, mellorando así a mobilidade tanto de particulares como do transporte profesional.
Segundo as previsións, arredor de 100.000 usuarios beneficiaranse desta nova vía, que terá unha velocidade máxima de 120 quilómetros por hora. Calcúlase ademais que por ela circularán máis de 8.000 vehículos diarios, incluídos numerosos transportistas que a empregarán nos seus desprazamentos laborais.






