Ana G. Abelleira critica a xestión da brigada municipal do rural por parte do Goberno local

A concelleira socialista Ana González Abelleira criticou este luns a xestión que o Goberno municipal de Elena Candia está a realizar “un uso claramente partidista” dos recursos da brigada municipal do rural, ao considerar que se están modificando actuacións previstas nas parroquias en función de “criterios políticos” e non técnicos.

Segundo explicou a edil, o anterior executivo local traballaba cunha planificación previa baseada nas necesidades das parroquias, na urxencia das actuacións e na distribución equilibrada dos servizos públicos nas 54 parroquias do municipio. Na súa opinión, ese modelo foi substituído por decisións “sen orde de prioridades nin criterios técnicos”.

Como exemplo, González Abelleira sinalou a cancelación do asfaltado dun camiño na parroquia de Calde para destinar os mesmos recursos ao acondicionamento do aparcadoiro do colexio de Nadela. A concelleira considera que esta actuación altera a planificación inicial e sostén que sería máis adecuado buscar colaboración doutras administracións para executar actuacións vinculadas a infraestruturas dependentes da Xunta.

A representante socialista advertiu tamén de que este tipo de decisións poden provocar desequilibrios entre parroquias, favorecendo determinadas zonas fronte a outras con maiores necesidades de investimento ou mellora de servizos.

Neste contexto, González Abelleira reivindicou o modelo de xestión desenvolvido polo anterior Goberno municipal, baseado —segundo indicou— na cohesión territorial e na igualdade de oportunidades no rural lucense. A edil defendeu que as actuacións municipais deben responder a unha planificación global que garanta unha distribución ordenada dos investimentos nas distintas parroquias.

A concelleira concluíu insistindo na necesidade de manter criterios técnicos e de planificación á hora de executar obras e melloras no rural, co obxectivo de asegurar servizos, mobilidade e calidade de vida para o conxunto da veciñanza.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com