Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.
Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no tema dos selos, e atopei a Leire Díez, Directora de Filatelia e Relacións Institucionais. Non é que o franqueo postal teña a relevancia de outrora, pero aínda así pareceume xeitoso que Correos lle dedicase un sello ao Belén de Begonte, pola difusión que supoñería que as poucas cartas que se manden leven ao Belén polo mundo adiante.
Escribinlle respectuoso, contando a historia do Belén, pedíndolle a edición dun selo, e ofrecéndome a mandarlle a información precisa. Aquela señora importante non me contestou, nin sequera acusou recibo. Seguro que tiña outras cousas que facer. De feito, polo que agora se publica, tiña moitas ocupacións.
Pero, a verdade é que eu quería escribir de Leire, á que tiven no colo o domingo pasado, que me mira cuns ollos grandes, abertos como se quixera quedarse comigo.
Ten ano e medio, camiña con soltura, e empeza a pasar dos xestos ás palabras. É a máis nova do clan ao que pertenzo, e ven ser a miña sobriña neta, aínda que xa teño unha sobriña bisneta máis grande.
Noutrora, as boas xentes dicíanlle aos nenos un ”Deus te críe para boa fada”… pois eu, deséxolle a Leire que nunca se fixe en quen luxe este nome, que siga medrando tranquilamente, que os nomes non fan ás persoas, senón que hai persoas que luxan o nome que levan. Da nena, que nos ten conquistados a todos, confésome devoto. A Leire Díez, que Deus a ampare, que lle vai facer falla.
Xulio Xiz.



