Cruce de acusacións entre PSOE e Goberno local pola organización do Arde Lucus

A poucos días da celebración do XXV aniversario do Arde Lucus, a organización da festa converteuse en motivo de confrontación política entre o Grupo Municipal Socialista e o Goberno local. O concelleiro socialista Jorge Bustos expresou a súa preocupación pola preparación do evento e advertiu da existencia dunha suposta falta de planificación, reclamando información sobre o Plan de Autoprotección, a convocatoria da Xunta Local de Seguridade e a participación dos técnicos municipais e dos departamentos especializados na organización.

Segundo o edil socialista, a dimensión que acadou a festa, declarada de Interese Turístico Internacional, require unha coordinación exhaustiva para garantir a seguridade e o correcto desenvolvemento das actividades, ao tempo que defendeu a necesidade de aproveitar a experiencia acumulada polos profesionais municipais e de preservar o rigor histórico da celebración.

Pola súa banda, o Goberno municipal respondeu cunha mensaxe de tranquilidade e asegurou que todas as cuestións relacionadas coa seguridade serán abordadas na vindeira Xunta de Seguridade. O executivo incidiu en que ” resulta cando menos sorprendente que quen foi responsable da área durante os últimos anos pretenda agora dar leccións sobre a organización da festa. A realidade é que do Arde Lucus 2025 tivo que imputar máis  de 70.000 euros de gastos ao orzamento municipal de 2026″.

A este feito súmase tamén a existencia “dunha factura próxima aos 4.000 euros correspondente a unha viaxe de promoción a Portugal que finalmente foi cancelada”.

 Son feitos obxectivos que evidencian que quen deixou esta situación dificilmente está lexitimado para cuestionar o traballo que se está a realizar nestes momentos.

Desde o Concello subliñan que o seu obxectivo é garantir o éxito dunha edición especialmente significativa da festa e lamentan o que consideran intentos de xerar polémica arredor dun evento que atribúen ao esforzo conxunto das asociacións, os participantes e a cidadanía lucense.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com