A Audiencia de Lugo condena a cinco anos de cárcere a un profesor por agredir sexualmente a unha alumna

 A Audiencia Provincial de Lugo condena a cinco anos de cárcere a un profesor por realizar tocamentos de carácter sexual a unha menor. En concreto, considérao autor dun delito continuado de agresión sexual a menor de 16 anos e tamén lle impón a inhabilitación para o exercicio de calquera profesión, oficio ou actividades, sexan ou non retribuídas, que conleve contacto regular e directo con persoas menores de idade por tempo de 10 anos e a inhabilitación absoluta por tempo de 6 anos, así como a prohibición de aproximarse á vítima e de comunicarse por calquera medio coa ela durante 10 anos. Tamén deberá pagar unha indemnización de 3.000 euros á afectada.

O tribunal entende probado que o acusado, “aproveitando as circunstancias favorables que lle proporcionaba o desempeño da súa profesión de docente  e para satisfacer o seu desexo sexual”, realizoulle á súa alumna “diversos tocamentos”. Esas condutas, segundo consta na sentenza, provocaron na vítima “gran incomodidade, rexeitamento a acudir a clase e a queixa á súa titora”.

No fallo, sinala que o relato do menor “cumpre todos os criterios que a xurisprudencia esixe para considerar o mesmo fiable”, á vez que salienta que “goza de coherencia externa, véndose reforzado por outras probas e feitos periféricos”, así como pola proba pericial, “que tamén reforza a narración da menor”.

“Non albergamos dúbida, tras valorar o testemuño da menor, en conxunción co resto da proba practicada, de que o acusado levou a cabo as accións descritas”, recalcan os xuíces.

A sala explica no fallo que non resulta debidamente acreditado que outras catro menores sufrisen no curso escolar 2023/24 “tocamentos por parte do acusado nin que este despregase sobre as mesmas accións con significación sexual”.

Os maxistrados indican que con iso non queren dicir que as menores “falten á verdade, senón que a proba resulta insuficiente para o ditado dun pronunciamiento de condena, o que leva a aplicar o principio in dubio pro reo”.

A sentenza non é firme, pois é susceptible de recurso de apelación ante o TSXG.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com