Adega celebra a DIA desfavorable emitida pola Xunta para o parque eólico de Navallos

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) valorou positivamente a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) desfavorable emitida pola Xunta de Galiza para o parque eólico Navallos, promovido por Enel Green Power nos concellos de Castroverde e Baralla.

Segundo a entidade ecoloxista, a resolución coincide con parte das consideracións formuladas durante o período de información pública do proxecto. Nas alegacións presentadas, ADEGA sinalara os posibles efectos ambientais da iniciativa, a súa localización no ámbito da Reserva da Biosfera Terras do Miño e as posibles repercusións sobre a conectividade ecolóxica entre distintos espazos naturais do interior da provincia de Lugo.

A organización tamén manifestou a súa preocupación pola tramitación separada de determinados elementos asociados aos proxectos, como as infraestruturas de evacuación, ao entender que esta práctica pode dificultar unha análise global dos impactos ambientais.

Para ADEGA, a resolución relativa ao parque eólico Navallos pon de manifesto a conveniencia de reforzar os mecanismos de avaliación ambiental e de planificación territorial asociados ao desenvolvemento das enerxías renovables. A asociación defende a necesidade de avanzar na transición enerxética, compatibilizando a implantación destas infraestruturas coa conservación dos valores naturais e paisaxísticos.

Neste contexto, ADEGA insta á Xunta de Galiza a promover un proceso de planificación enerxética con maior participación pública e sometido a avaliación ambiental estratéxica, co obxectivo de determinar a compatibilidade das instalacións renovables cos diferentes valores ambientais, sociais e territoriais presentes en cada zona.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com