O Grupo Municipal Popular presentará no vindeiro Pleno ordinario do Concello de Lugo unha proposición na que solicita á Deputación Provincial o restablecemento dos servizos que viñan prestando no municipio dúas brigadas do parque móbil provincial, retiradas o pasado 4 de maio.
Segundo explica o PP, estes equipos estaban a realizar traballos de mantemento e conservación en diferentes vías municipais. Os populares consideran que a interrupción destes servizos supón un prexuízo para a cidade e expresan a súa preocupación pola coincidencia da medida co recente cambio de goberno no Concello de Lugo.
De acordo coa información da que dispón o grupo municipal, unha das brigadas foi destinada ao Concello de Monforte de Lemos, mentres que a outra regresou ás instalacións do parque móbil para posteriormente prestar servizo noutro municipio.
Na iniciativa, o PP defende que os recursos da Deputación deben distribuírse atendendo a criterios técnicos e ás necesidades dos concellos. Así mesmo, reclama que se restablezan os traballos que estas brigadas desenvolvían na capital lucense e que se garanta un trato institucional igualitario co Concello de Lugo.
A proposición inclúe tamén unha petición ao deputado provincial Miguel Fernández para que, segundo sinala o Grupo Popular, priorice os intereses da cidade de Lugo e rexeite actuacións que poidan ser interpretadas como unha represalia institucional contra a capital da provincia.
Os populares lembran que a función da Deputación Provincial é cooperar cos concellos e prestarlles asistencia técnica e material en condicións de igualdade. Ademais, a iniciativa contempla trasladar os acordos que poida aprobar o Pleno á Presidencia da Deputación Provincial de Lugo e aos grupos políticos con representación na corporación provincial.
Fotografía Google maps





