O centro sociocultural O Vello Cárcere, acolleu hoxe a presentación de Inspirando Presentes, un ciclo de conferencias promovido pola Xunta de Galicia co obxectivo de dar visibilidade ao talento feminino e fomentar a creación de referentes en diferentes ámbitos profesionais.
No acto participaron a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García. A primeira conferencia do ciclo correu a cargo da presidenta da Asociación Galega da Empresa Familiar, Tona Martínez.
Durante a presentación, a alcaldesa destacou a elección de Lugo como punto de partida da iniciativa e fixo referencia á presenza de profesionais lucenses en distintos sectores. Tamén animou ás mulleres con traxectorias profesionais a incorporarse á plataforma Presentes, impulsada para contribuír á visibilización de perfís femininos e favorecer a creación de referentes.
Candia sinalou, ademais, a disposición do Concello de Lugo para colaborar en iniciativas orientadas á promoción da igualdade de oportunidades e á creación de espazos de encontro entre profesionais.
Segundo se informou durante o acto, Inspirando Presentes continuará nos vindeiros meses con novas sesións en diferentes localidades galegas. O programa contará coa participación da presidenta do RC Celta, Marián Mouriño; da CEO de Roberto Verino, Dora Casal; da artesá contemporánea Idoia Cuesta; e da fiscal delegada de violencia sobre a muller en Galicia, Elena Esteinger, abordando cuestións relacionadas coa empresa, a cultura, o deporte e a administración de xustiza.






