O Grupo Municipal Socialista no Concello de Lugo anunciou que solicitará ao Goberno local a posta en marcha dun plan extraordinario para reforzar a loita contra a avespa velutina no municipio. A iniciativa foi presentada pola portavoz adxunta socialista, Ana González Abelleira, quen considera necesario incrementar os recursos municipais ante o aumento de niños desta especie invasora durante os meses de verán.
A edil sostén que o actual dispositivo da Xunta de Galicia resulta insuficiente para facer fronte á proliferación da velutina e asegura que esta situación está a provocar unha maior presenza de niños tanto nas parroquias como noutros espazos do municipio. Segundo indicou, este incremento supón un risco para a seguridade da veciñanza,”Se a Xunta non cumpre coa súa responsabilidade, o Concello non pode permanecer inmóbil” especialmente en zonas de uso público e durante a época estival, cando aumenta a presenza de persoas no medio natural.
A proposta do Grupo Socialista pasa por que o Concello complemente as actuacións da Administración autonómica mediante un dispositivo municipal específico para a detección e retirada de niños. Entre as medidas formuladas figura a creación dun equipo de traballo transversal que implique aos distintos servizos municipais e a contratación dunha empresa especializada para executar os labores de erradicación, con especial atención ás parroquias, ás inmediacións de vivendas, aos parques, ás áreas recreativas, aos centros educativos e ás zonas con maior afluencia de persoas.
González Abelleira lembrou que a competencia principal na coordinación da loita contra a avespa velutina corresponde á Xunta de Galicia, pero considera que a situación actual require unha maior implicación do Concello mentres non se reforcen os medios autonómicos. Neste sentido, criticou o que cualificou como unha resposta insuficiente do Goberno galego fronte a un problema “especialmente preocupante” que, ao seu xuízo, se repite cada ano.
A concelleira tamén advertiu do impacto da expansión desta especie invasora sobre a biodiversidade e sobre actividades como a apicultura, ademais do risco que representa para as persoas, especialmente no caso de quen presenta reaccións alérxicas ás picaduras.
Finalmente, o Grupo Socialista instou ao Goberno municipal a impulsar este reforzo dos recursos municipais e a reclamar á Xunta un incremento dos medios destinados á prevención e retirada de niños de avespa velutina, co obxectivo de mellorar a seguridade da cidadanía e reducir os efectos desta especie invasora.






