O BNG pide revisar os prezos do solo para favorecer a ampliación do Polígono de Mourelle en Sarria

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclamou ao Goberno central unha revisión da política de comercialización da segunda fase do Polígono Industrial de Mourelle, en Sarria, coa finalidade de establecer prezos do solo industrial que, ao seu xuízo, faciliten a chegada de novas empresas e permitan desbloquear a ampliación deste espazo empresarial.

A través do deputado no Congreso, a formación nacionalista solicitou que a sociedade pública Casa47, antiga SEPES, modifique os criterios actuais de venda das parcelas e aplique unha política de prezos máis competitiva.

Segundo o BNG, a ampliación do polígono acumula máis de dúas décadas de atrasos e considera que o actual custo do solo industrial está a dificultar a implantación de empresas. A formación sostén que unha entidade pública debe priorizar o impulso ao desenvolvemento económico e á creación de emprego por riba da rendibilidade económica da comercialización das parcelas.

Os nacionalistas tamén afirman que existe demanda de solo industrial na comarca e sinalan que diversas empresas vinculadas aos sectores cárnico, da madeira, das molduras, dos sistemas de seguridade e do transporte levan anos á espera da ampliación do parque empresarial. Segundo indican, algunhas delas optaron por instalarse noutros municipios debido ás condicións económicas doutros polígonos.

Por este motivo, o BNG insta ao Executivo estatal a reforzar o seu compromiso coa segunda fase do Polígono de Morelle e a dar instrucións a Casa47 para revisar á baixa o prezo das parcelas, co obxectivo de facilitar novos investimentos e contribuír ao desenvolvemento industrial da comarca de Sarria.

Foto: Google Maps.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com