A formación levará ao pleno unha moción para reclamar a continuidade dunha iniciativa que comezou cunha proba piloto en Carballido e Labio
O BNG de Lugo presentará no vindeiro pleno municipal unha moción para solicitar ao goberno local do PP que retome o proxecto de taxi a demanda no rural, unha iniciativa impulsada durante o anterior mandato e que, segundo denuncia a formación nacionalista, quedou paralizada tras a moción de censura.
O proxecto comezou en febreiro cunha proba piloto nas parroquias de Carballido e Labio. Segundo explicou o portavoz do BNG, Rubén Arroxo, a experiencia tivo unha boa acollida entre a veciñanza e pretendía avanzar cara a un modelo de transporte público adaptado ás necesidades dos núcleos rurais.
A proposta consiste en permitir que as persoas residentes nas zonas sen cobertura do autobús urbano poidan reservar desprazamentos en taxi a un prezo equivalente ao billete do bus. O plan contemplaba tamén unha plataforma de xestión para rexistrar a demanda e os percorridos realizados.
O seguinte paso previsto era estender o servizo ás parroquias de Orbazai, Adai, Ombreiro, Piugos, Cuiña e Saa, segundo indicou Arroxo. O obxectivo final do BNG é ampliar progresivamente a iniciativa ás 54 parroquias do municipio.
A formación defende que o taxi a demanda pode ser unha alternativa para mellorar a conexión entre o rural e a cidade sen necesidade de estender todas as liñas do autobús urbano. Coa moción, o grupo nacionalista busca que o goberno municipal dea continuidade ao proxecto e avance na súa implantación.
A iniciativa será sometida ao debate do pleno municipal, onde o BNG pedirá que se retome o traballo iniciado no anterior mandato.






