O BNG instou ao Concello de Lugo e á Xunta de Galicia a coordinar actuacións para controlar a presenza de xabaríns no entorno urbano, especialmente nas zonas de Fingoi e Acea de Olga, onde, segundo a formación, estes animais son vistos con frecuencia, incluso durante o día.
O concelleiro Alexandre Penas trasladou a preocupación da veciñanza polo risco que, ao seu xuízo, supón esta situación para a seguridade das persoas e reclamou a adopción de medidas “canto antes”. Tamén pediu que as administracións informen á cidadanía sobre as actuacións previstas e os prazos para a súa execución.
A formación nacionalista considera que a presenza destes animais en áreas urbanas é cada vez máis habitual e solicita unha resposta coordinada para reducir os riscos e dar resposta ás demandas da veciñanza.






