A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, visitou este mércores a Ponte de Cruzul, en Becerreá, xunto ao alcalde, Manuel Martínez, para poñer en valor a recente declaración desta infraestrutura como Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de monumento.
Durante a visita, López sinalou que a declaración garante a máxima protección patrimonial da ponte e destacou o compromiso do Goberno coa conservación do patrimonio histórico. A infraestrutura, proxectada no século XVIII polo enxeñeiro francés Carlos Lemaur por encarga de Carlos III, está considerada a única ponte neoclásica da provincia de Lugo e formou parte da antiga estrada que unía Galicia con Madrid.
O Ministerio de Cultura iniciou o expediente de protección en novembro de 2025 e a declaración definitiva foi aprobada polo Consello de Ministros, recoñecendo o valor histórico, arquitectónico, técnico e paisaxístico do monumento.
Aproveitando a visita institucional, a subdelegada e o alcalde tamén percorreron o novo edificio do Concello de Becerreá e coñeceron o mural dedicado á Ponte de Cruzul que está a realizar o artista Diego As.






