O Concello de Lugo iniciou os trámites para solicitar a autorización necesaria que permita instalar cámaras de videovixilancia na contorna dos locais considerados conflitivos da zona da Milagrosa, unha medida coa que o Goberno local busca reforzar a seguridade cidadá e mellorar a convivencia no barrio.
A alcaldesa, Elena Candia, anunciou que a iniciativa conta co respaldo dos informes emitidos pola Policía Local, a Policía Nacional e a Asesoría Xurídica municipal, que avalan tanto a necesidade como a legalidade da actuación.
Segundo recolle o informe xurídico, os corpos de seguridade detectaron un repunte da actividade delituosa nunha zona concreta da cidade, polo que consideran conveniente a instalación de cámaras como ferramenta preventiva e tamén como apoio ás investigacións policiais.
O documento lembra que a medida está regulada pola Lei Orgánica 4/1997, que permite o uso de videocámaras por parte das Forzas e Corpos de Seguridade en espazos públicos para garantir a seguridade cidadá, previr delitos e favorecer a convivencia. Ao tratarse de videovixilancia policial en vía pública, a instalación require a autorización da Delegación do Goberno.
Neste contexto, o Concello remitirá a correspondente solicitude á Subdelegación do Goberno, organismo competente para tramitar e resolver o expediente.
Máis medidas para reforzar a seguridade
A instalación destas cámaras enmárcase na estratexia impulsada polo Executivo municipal para mellorar a seguridade en Lugo. Entre as actuacións xa postas en marcha figuran a recuperación da Mesa Permanente de Seguridade da Policía Local, como órgano de análise das incidencias da cidade, e o reforzo do cadro de persoal mediante a incorporación de novos axentes a través da Oferta Pública de Emprego e das prazas de mobilidade.
A rexedora subliñou que o obxectivo do Goberno é continuar adoptando “medidas útiles e eficaces” para reforzar a seguridade cidadá e a convivencia, sempre apoiadas en criterios técnicos e dentro do marco legal, ao tempo que se dota á Policía Local de máis recursos para desenvolver o seu labor con maior eficacia.
Foto arquivo policía local






