A lapa telúrica do 25 de xullo: o patriotismo como substancia antes da ideoloxía

Existen días no calendario que transcenden á mera contabilidade do tempo para converterse en momentos de revelación ontolóxica. E,sen dúbida, para quen se recoñece nesta terra esa data é o Día da Patria. Velaí a diferenza de quen prefire acubillarse en fórmulas administrativas ou denominacións  máis laxas ou con menos valor simbólico. Xa que, a verdadeira dimensión desta data agroma cando se pronuncia, sen rexeitamentos nin panos quentes, a palabra Patria.

A Patria non é unha construción burocrática nin un límite xeográfico trazado nun mapa por acordos políticos. Celebrar o Día da Patria Galega é un acto luminoso de reafirmación do ser, a constatación de que a nosa existencia no mundo ten unha raíz, unha forma e un acento propios. Pertencer a este lugar implica falar unha lingua de seu, ter unha cultura propia, unha memoria compartida, en definitiva un xeito singular de estar no mundo. Non se trata dunha afirmación de superioridade fronte aos demais —a Patria auténtica non precisa da soberbia—, pero si dunha dignidade inquebrantable que se nega a ser desmerecida ou relegada á categoría de anécdota folclórica.

Existe unha tendencia contemporánea a homologar o patriotismo cos esquemas do nacionalismo, mais cómpre establecer unha distinción filosófica fundamental. O nacionalismo, no seu sentido estrito, opera no terreo das ideoloxías, das estruturas e das estratexias do poder. O patriotismo, pola contra, pertence á esfera do telúrico. É un impulso primordial que xorde do magma máis profundo dos sentimentos, unha forza que prende nas entrañas e se asenta na alma. O patriotismo é un orgullo inclusivo; a gratitude  de ser. Pódese ser patriota sen abrazar unha ideoloxía concreta, porque a Patria non se milita, séntese.

Mentres as ideoloxías mudan e se desgastan co tempo, o vínculo telúrico coa terra permanece. A supervivencia dun pobo non depende do institucional nin do recoñecemento externo; non necesitamos que ninguén lexitime o noso dereito a estar no mundo como nos pete. A Patria Galega seguirá ergueita mentres existan gardiáns desa memoria colectiva, persoas que leven no corazón esa pertenza irredutible. Cada 25 de xullo, ao berrar ao mundo quen somos, non facemos máis que recordar que a Patria é, en última instancia, esa lapa que ninguén pode apagar porque habita no máis íntimo do noso corazón, da nosa ánima.

Eloi Caldeiro.

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com