O Concello de Lugo executará un conxunto de obras para habilitar un novo paso de peóns semaforizado na intersección da Avenida da Coruña coas rúas Río Narla e Reverendo Fernández Gómez. A actuación, ten como obxectivo principal mellorar a seguridade viaria e facilitar a mobilidade peonil nunha das arterias con maior intensidade de tráfico da cidade.
Esta intervención conta cun orzamento de 29.597,14 euros e un prazo de execución dun mes. Con ela dáse resposta a unha vella demanda dos veciños da contorna, xa que na actualidade non existe ningún punto de cruzamento seguro no tramo comprendido entre a rúa Curros Enríquez e as proximidades de Montefaro, o que obrigaba aos peóns a dar un importante rodeo.
Os servizos técnicos municipais determinaron que o cruzamento coa rúa Río Narla é a localización máis axeitada para o paso, xa que permite aproveitar a regulación semafórica que xa funciona nesa zona incorporando unha fase específica para peóns. Deste xeito, garántese un punto de paso seguro sen xerar grandes afeccións á circulación de vehículos. Os traballos incluírán a obra civil para a nova columna semafórica, o rebaixe de beirarrúas para eliminar barreiras arquitectónicas, a renovación da sinalización horizontal e a retirada dunha árbore incompatible coa nova estrutura.






