A Xunta de Galicia apoiará un ano máis a presenza do stand ‘E para comer, Lugo’ en La Vuelta 2026, para promocionar a gastronomía e o turismo da provincia e do conxunto de Galicia ao longo das 21 etapas da competición, que se celebrará do 22 de agosto ao 13 de setembro.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou que esta será a décimo cuarta edición consecutiva na que o stand participa na carreira, consolidándose como un importante escaparate internacional para dar a coñecer os produtos galegos e atraer visitantes.
Pola súa banda, Alfonso Villares, delegado da Xunta en Lugo, puxo en valor a repercusión turística da iniciativa, que permite levar a imaxe de Lugo e Galicia a milleiros de persoas en España e nos países polos que discorre a carreira, vinculando cada degustación coa promoción da paisaxe, a cultura e a hospitalidade galega.
No espazo, situado nas zonas VIP das saídas de cada etapa, ofreceranse degustacións de produtos con denominación de orixe e indicación xeográfica protexida, ademais de exemplares da guía ‘E para comer, Lugo’, que este ano leva por título ‘Lugo, baixo a maxia da eclipse’ e promove os recursos turísticos, culturais e gastronómicos dos 67 concellos da provincia.
La Vuelta é un dos maiores escaparates deportivos e turísticos do mundo, cunha difusión en máis de 180 países e unha audiencia de millóns de espectadores, o que reforza a proxección internacional da oferta turística e gastronómica de Galicia.






