Gravar videos

Para min, o mellor exemplo da evolución da fotografía – da evolución do mundo – téñoa no cambio experimentado desde o meu tempo de xornalismo escrito ata a actualidade. Claro que o tempo transcorrido aseméllase tamén bastante ao concepto de eternidade,

Ao comezo dos anos oitenta, cando as crónicas se mandaban xa por teletipo e as fotos por coche de liña, por mor dun acto importante celebrado na tarde noite, viaxei adrede á Coruña para levar unha única foto que ao día seguinte tiña que saír no xornal.

Agora as fotos e os videos pode obtelas un rapaciño que saiba andar, e transmítense, supoño que á velocidade da luz a calquera punto do mundo.
E hai fotos e videos de interese público, e hai outros froito do morbo e/ou mala fe. Gravar a unha pobre muller que intenta baixar da muralla pola brava, en lugar de salvarlle a vida é unha ignominia; gravar os golpes que recibe un rapaz indefenso na noite lucense parece querer darlle a razón aos que pensan que os animais de compañía son máis persoas ca algunhas persoas.

Os trebellos que todos manexamos, para comunicar ou incomunicarnos cos demais, en si son perfectos compañeiros de viaxe, por ser magnífica axuda para unha vida normal, facilitando un sen fin de tarefas e servizos. Non está o mal nos aparatos senón o mal uso que deles fan persoas incompletas; non son os aparatos os deficientes; son de humanidade dubidosa os que os utilizan mal.
Pódese pensar que quen grava unha agresión, un delito, está movido polo interese de deixar constancia para que a policía – a xustiza, en fin – poida usalo como proba. Pero témome que pecaría de parvo se pensase que neste caso ocorreu así.

 

Xulio Xiz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com