A XL Feira do Bonito de Burela abriu este sábado unha edición moi especial ao cumprir corenta anos de historia, consolidándose como unha das citas gastronómicas e culturais máis destacadas da Mariña lucense e un dos principais escaparates do bonito do norte. Declarada Festa de Interese Turístico Nacional, a celebración reúne cada ano milleiros de visitantes arredor dun produto que simboliza a identidade pesqueira do municipio.
A inauguración contou coa participación da presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela, Carmela López, acompañada polo deputado de Medio Rural, Daniel García, membros da corporación municipal, representantes da Confraría de Pescadores e outras autoridades.
Durante o acto, Carmela López destacou o valor dunha feira que, segundo sinalou, “cumprir 40 edicións é a mellor demostración de que estamos ante unha cita consolidada, que soubo medrar sen perder a súa esencia”. A rexedora subliñou tamén que este evento “converte Burela e A Mariña nun escaparate de primeiro nivel para a nosa gastronomía, o noso produto e a nosa tradición mariñeira”, incidindo na importancia que ten para a promoción do sector pesqueiro e da economía local.
A xornada inaugural comezou co izado da bandeira azul no barco Reina del Carmen, seguido da entrega dos premios do concurso de carteis e dos recoñecementos de Asador Maior e Colaboradora de Honra da Feira, concedidos nesta edición a Idara López e José Ramón Martínez. O pregón correu a cargo da creadora de contidos Paula Jorge Horta, antes de dar paso ás tradicionais degustacións de bonito cocido, bonito asado á grella e empanada, que se prolongaron durante toda a tarde, completándose a programación con actuacións musicais.
As actividades continúan este domingo cun programa que inclúe propostas infantís e unha nova xornada gastronómica. A partir das 13.30 horas, a carpa da feira volverá abrir as súas portas para ofrecer aos asistentes unha degustación composta por unha filloa de Muimenta rechea de bonito e unha ración de marmitako, dous pratos que poñen en valor a versatilidade culinaria deste peixe.
Corenta edicións despois da súa creación, a Feira do Bonito reafirma o seu carácter como un dos grandes acontecementos festivos e gastronómicos da costa lucense, combinando tradición, promoción do produto local e actividade económica nun evento que continúa a atraer visitantes de dentro e fóra de Galicia.






