A Plataforma Veciñal Barrio da Residencia denunciou os importantes danos ocasionados por un grupo de xabarís no céspede do xardín da Fonte dos Ranchos durante a madrugada do 4 ao 5 de agosto.
A entidade veciñal advirte de que o espazo afectado está rodeado por dúas das vías con maior volume de tráfico na entrada e saída de Lugo. Por este motivo, considera que a presenza destes animais constitúe un serio risco de accidente para os vehículos que circulan polo barrio ou acceden á cidade desde as zonas norte e oeste.
Segundo explica o colectivo, estes animais tamén poden representar un problema para a seguridade da veciñanza. «Poden atacar para defenderse se se senten ameazados polas mascotas ou por outros animais cando saímos pasear á noitiña», sinala.
A entidade tamén alerta dos posibles riscos sanitarios derivados da presenza habitual de fauna salvaxe en espazos públicos frecuentados pola cidadanía.
«O xardín estragado polos xabarís esta semana acolleu a zona de xogos dunha festa infantil celebrada o pasado 22 de xuño. Isto é indicativo do risco sanitario que pode supoñer compartir un espazo de lecer con animais salvaxes que desenvolven nel a súa actividade diaria, onde comen e defecan», advirte a Plataforma.
Ante esta situación, o colectivo veciñal solicita á Xunta de Galicia, como Administración competente, que adopte, en colaboración co Concello de Lugo, as medidas urxentes necesarias para controlar a presenza destes animais.






