Xunta e Concello de Rábade analizan os proxectos en marcha no municipio

As actuacións inclúen melloras na Praza de Abastos, o campo de fútbol, a rede viaria e varios servizos municipais

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, realizou este luns a súa primeira visita institucional ao Concello de Rábade, onde mantivo unha reunión coa alcaldesa, Remedios González. No encontro repasaron diferentes proxectos financiados ou desenvolvidos coa participación do Goberno galego.

Entre as actuacións previstas figura un investimento de 100.000 euros da Consellería do Medio Rural, a través de Agader, para remodelar a antiga Praza de Abastos como mercado de produtos locais, renovar a sinalización do casco urbano e realizar traballos no patrimonio natural e cultural.

O Plan Camiña Rural asigna outros 79.900 euros, correspondentes ás convocatorias de 2025-2026 e 2026-2027, para o acondicionamento de pistas municipais.

O obradoiro de emprego Cumes da Terra Chá IX executará nos próximos meses melloras nos accesos, servizos e vestiarios do campo de fútbol Catro Ventos. O programa, compartido cos concellos de Begonte e Friol, dispón dun orzamento de 544.500 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

A Xunta achega tamén 30.000 euros para a área de autocaravanas. Segundo os datos facilitados pola Administración autonómica, destináronse ademais 34.000 euros a obras de accesibilidade e novas salas na Casa Consistorial, 40.000 euros á rede de saneamento e 60.000 euros á mellora da eficiencia enerxética en instalacións municipais.

No ámbito social, a Consellería de Política Social e Igualdade concedeu ao Concello 256.600 euros para o Servizo de Axuda no Fogar, un 33 % máis que o ano anterior. A Administración autonómica sostén tamén tres casas niño no municipio, que recibiron achegas por un importe total de 73.700 euros durante o pasado ano.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com