Convocadas as axudas do Concello para impulsar a dinamización económica

A convocatoria está dotada con 28.000 euros e permitirá subvencionar ata o 90 % do custo dos proxectos, cun máximo de 2.000 euros por entidade

 O Concello de Lugo publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia as bases reguladoras da convocatoria de subvencións destinadas a asociacións e entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de dinamización económica durante o exercicio 2026. A liña de axudas conta cun orzamento total de 28.000 euros.

A convocatoria está impulsada pola Área de Dinamización Económica e Relacións Institucionais, a través do CEI Nodus, co obxectivo de apoiar iniciativas que fomenten a promoción económica, o comercio, a hostalaría, a formación empresarial e para o emprego, así como a creación de postos de traballo no municipio.

Os proxectos deberán desenvolverse no termo municipal de Lugo e constituír actuacións específicas e diferenciadas da actividade ordinaria da entidade solicitante.

Axudas de ata 2.000 euros por entidade

O Concello subvencionará ata o 90 % do custo total de cada iniciativa, cun límite máximo de 2.000 euros por asociación ou entidade beneficiaria.

Estas achegas serán compatibles con outras subvencións destinadas á mesma finalidade, sempre que o financiamento total recibido non supere o 90 % do custo da actividade.

Para acceder ás axudas, os proxectos deberán obter unha puntuación mínima de 7 sobre 14 puntos. Entre os criterios de valoración figuran o número de persoas asociadas, os anos de experiencia da entidade, a incorporación de medidas de dixitalización e sustentabilidade, as accións formativas, a promoción dos valores culturais e o impulso da participación cidadá. As propostas que non acaden a puntuación mínima quedarán excluídas.

Quince días hábiles para presentar as solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes abrirase o luns 31 de agosto e permanecerá activo durante quince días hábiles. A tramitación deberá realizarse a través da sede electrónica municipal, dispoñible en www.lugo.gal, ou mediante calquera dos demais rexistros electrónicos habilitados.

O prazo máximo para resolver e notificar a concesión das subvencións será de seis meses, contados desde a publicación da convocatoria. Contra a resolución poderase interpoñer un recurso de reposición ante o Concello de Lugo ou un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo.

Entidades beneficiarias

Poderán participar na convocatoria as asociacións e entidades sen ánimo de lucro que teñan a súa sede en Lugo e estean inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións.

As solicitantes deberán atoparse ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, así como ter debidamente xustificadas as subvencións municipais recibidas con anterioridade.

Ademais, non poderán percibir durante este exercicio outras subvencións municipais previstas nominativamente no Orzamento Xeral de 2026. Tampouco poderán empregar a imaxe da muller como reclamo con connotacións sexuais nin dun xeito que resulte denigrante.

Documentación requirida

As entidades interesadas deberán presentar o modelo de solicitude —Anexo I—, unha memoria explicativa do proxecto —Anexo II— e unha declaración responsable —Anexo III—.

Esta documentación deberá acompañarse do CIF da entidade, o NIF da persoa representante, unha copia dos estatutos e a correspondente certificación bancaria.

Terán a consideración de subvencionables os gastos necesarios para executar o proxecto, como alugamentos, adquisición de material non inventariable, prestacións de servizos, seguros, transporte e desprazamentos, publicidade e imprenta, vestiario e subministracións.

Tamén se poderán financiar os gastos do persoal vinculado exclusivamente ao proxecto, ata un máximo do 40 % da subvención concedida.

Quedan excluídos, entre outros conceptos, o alugamento da sede social, o mantemento de infraestruturas propias e os gastos derivados de degustacións gastronómicas, servizos de catering ou ceas.

Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades que reciban subvención deberán presentar toda a súa programación e publicidade en idioma galego, incluír o logotipo do Concello de Lugo nos seus materiais de difusión, e comunicar previamente a realización das actividades para posibilitar a participación de representantes municipais

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com