As instalacións municipais adaptarán os horarios durante a primeira quincena do mes e manterán as tarifas das últimas tempadas
As piscinas municipais de verán de Frigsa, en Lugo, permanecerán abertas ata o 15 de setembro, de acordo co calendario establecido ao comezo da tempada.
Durante esta primeira quincena do mes, as instalacións exteriores abrirán de luns a venres entre as 14.00 e as 20.30 horas. As fins de semana, o horario será de 12.00 a 20.00 horas.
O recinto conta con tres vasos de diferentes dimensións e profundidades. O primeiro, sen profundidade, está destinado a menores de tres anos. A piscina mediana, cunha profundidade máxima de 1,30 metros, está dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos.
A terceira piscina dispón de oito rúas, mide 25 metros de lonxitude e ten unha profundidade de entre 1,20 e 2,50 metros. Para acceder a este vaso é obrigatorio saber nadar.
Os prezos manteranse sen cambios respecto das tempadas anteriores. A entrada custa un euro para menores de ata 15 anos e 2,20 euros para persoas a partir dos 16. Continúan tamén vixentes as tarifas dos distintos abonos e as reducións previstas para pensionistas e familias de tres ou máis membros.
Pola súa banda, as piscinas climatizadas de Frigsa e As Pedreiras xa funcionan nos horarios habituais da tempada.






