A voceira do Círculo de Podemos Lugo, Ximena Cheda, anunciou este venres a súa candidatura ás primarias da formación para encabezar a lista nas eleccións municipais de 2027. A aspirante chamou á militancia e ás persoas inscritas a participar no proceso e defendeu a creación dunha candidatura plural e colectiva.
Cheda, que tamén forma parte do Consello Cidadán Estatal de Podemos e ocupa a Secretaría de Feminismos de Podemos Galicia, asegurou que afronta este paso “desde a responsabilidade” e coa intención de contribuír á construción dun proxecto conectado, segundo afirmou, coa realidade social da cidade.
Na presentación da súa candidatura, sinalou como prioridades a defensa dos servizos públicos, o acceso á vivenda, os coidados, a igualdade e a loita contra as violencias machistas. Tamén expresou a súa preocupación polo incremento das desigualdades, a desafección política e a difusión de discursos que responsabilizan dos problemas sociais as persoas máis vulnerables.
A candidata apelou á súa experiencia persoal como muller migrante, nai e traballadora para defender unha política próxima aos problemas cotiáns. “Sei o que é conciliar, chegar a fin de mes facendo contas e afrontar momentos difíciles”, manifestou.
Cheda insistiu en que a súa decisión non responde a unha aspiración individual, senón á vontade de sumar apoios arredor dun proxecto común. Neste sentido, animou outras persoas da organización a implicarse na elaboración da candidatura para que esta represente a diversidade da cidade.
A presentación abre o proceso interno de Podemos Lugo para definir a súa proposta electoral de cara aos comicios municipais de 2027. A candidatura de Cheda deberá someterse agora ao procedemento de primarias da formación, do que sairán a cabeza de lista e o resto das persoas integrantes da candidatura.






