O festival celebrarase do 21 ao 26 de setembro con proxeccións en distintos espazos da cidade, homenaxes a Cristina Castaño e Benedicta Sánchez e un irmandamento co certame de Astorga
Lugo acollerá do 21 ao 26 de setembro a XLVIII Semana de Cine, unha das citas cinematográficas máis veteranas de Galicia. A programación combinará as proxeccións das seccións do festival cun conxunto de actividades paralelas relacionadas coa historia da cidade, a creación galega, a inclusión social e a divulgación cultural.
O Auditorio Municipal Gustavo Freire concentrará algunhas das sesións principais. Ás 22.00 horas proxectaranse, sucesivamente, Un pájaro azul, La isla de Amrum, Extranjera, Frontera, Volver a ti e Esa cosa con alas. A oferta completa, distribuída por varias sedes e horarios, pode consultarse na páxina oficial da Semana de Cine.
A imaxe desta edición é obra do artista lucense Diego AS e conmemora o centenario do nacemento de Marilyn Monroe. O deseño servirá tamén como portada do xornal e do libro-programa do festival. Entre as novidades institucionais figura o regreso da Universidade de Santiago de Compostela como entidade colaboradora, despois de varios anos de ausencia.
De Roma ao Arde Lucus
Unha parte das actividades extraordinarias xirará arredor da historia romana de Lugo. Coincidindo co medio século da celebración do Bimilenario da cidade e cos 25 anos do Arde Lucus, a organización programará unha película de temática romana e promoverá a exposición Do Bimilenario ao Arde Lucus. Lugo 2026.
Esta ligazón coa historia común servirá tamén de base para o irmandamento da Semana de Cine co Festival de Cine de Astorga. O primeiro acto celebrarase en Lugo o 22 de setembro, mentres que a continuación terá lugar na cidade leonesa o 23 de outubro.
O programa lembrará igualmente os 60 anos da sociedade cultural Valle-Inclán, fundada en Lugo en 1966, e renderá homenaxe á empresa fotográfica Josbe e ao seu impulsor, Benito Cancio Rodríguez. O recoñecemento será recollido polos seus fillos.
A organización entregará, ademais, unha distinción ao restaurante Manuel Manuel e ao seu responsable, Manuel Expósito, polos trinta anos de colaboración coa Semana de Cine e pola acollida de diferentes inauguracións e clausuras do certame.
Tres novas placas no Paseo do Cine
O Paseo do Cine de Lugo incorporará tres placas, coas que chegará aos 18 recoñecementos instalados no itinerario que conduce desde a Avenida da Coruña ata o Auditorio Gustavo Freire.
A primeira estará dedicada ao Festival de Cine de Astorga e descubrirase o día 22, coincidindo co acto de irmandamento. O mércores 23 será a quenda da actriz Benedicta Sánchez, coñecida polo seu traballo en O que arde. No acto participará Felipe Labrada Reija, alcalde do Corgo, concello natal da intérprete.
A terceira placa será descuberta o sábado 26 pola actriz Cristina Castaño, nacida en Vilalba en 1978. Está prevista tamén a asistencia da alcaldesa vilalbesa, Marta Rouco.
A memoria do audiovisual galego estará presente na publicación dun libro de Manuel Curiel dedicado a Tomás Ares Pena, coñecido artisticamente como Xan das Bolas, un dos actores secundarios máis recoñecibles do cine español do século XX.
Cine infantil, diversidade e acción social
A Casa do Saber acollerá polas mañás a Semana de Cine Infantil. A organización convidará os centros educativos a asistir gratuitamente ás proxeccións, con especial atención aos colexios máis próximos á sede.
Dentro do apartado dedicado a xénero e sociedade, o Salón de Actos da Deputación acollerá o venres 25, ás 20.00 horas, a película mexicana En camino a Leo. Cuando termina el miedo, el amor comienza, dirixida por Ana Bárcenas Torres.
Antes da proxección celebrarase unha mesa redonda moderada por Isidoro Rodríguez Pérez, presidente da Academia Galega de Enfermaría. Participarán Mario Alberto Rivas Carro, enfermeiro, psicólogo e académico correspondente da entidade; Nicolás Vera Arencibia, da asociación de familias de menores e mocidade trans Arelas, e Alejandro Tripiana González, enfermeiro residente de Pediatría no Hospital Universitario Lucus Augusti. A actividade está organizada en colaboración coa Academia Galega de Enfermaría e o Colexio Oficial de Enfermería de Lugo.
O festival manterá tamén a colaboración con Aspnais para facilitar o acceso ao cine ás persoas usuarias da entidade. Xunto coa Asociación Concepción Arenal, levará proxeccións aos centros penitenciarios de Bonxe, Monterroso e Teixeiro.
Fóra das salas, oito establecementos asociados a Lugo Monumental dedicarán voluntariamente os seus escaparates á Semana de Cine: El Duendecillo, Óptica de la Torre, Farmacia Castedo, Farmacia La Salud, Hotel Monumento Pazo de Orbán, Farmacia da Cruz, Ajuar Decoración e Rocigarcía.
A apertura musical correrá a cargo da Banda Sons e Soños, unha formación impulsada polos concellos de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol e dirixida por Armando Morales. O concerto, composto por música cinematográfica, contará cunha intervención inicial do músico lugués Abraham Cupeiro.






