Un home falece tras saírse da vía en Castro de Rei e outra persoa resulta ferida nun accidente na A-8

Un home faleceu este sábado tras sufrir unha saída de vía na N-640, no municipio de Castro de Rei, mentres que outra persoa tivo que ser trasladada a un hospital tras resultar ferida nunha colisión entre un turismo e un autobús na A-8, en Ribadeo.

O primeiro accidente produciuse minutos antes das 13:30 horas no quilómetro 75 da N-640, na zona de Ludrio. Segundo informou o 112 Galicia, un particular alertou de que un vehículo se saíra da estrada e acabara batendo contra unha árbore. O estado no que quedara o turismo facía prever que se trataba dun sinistro grave.

Ao chegar ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que o vehículo só estaba ocupado por un home, que falecera como consecuencia do accidente. Os Bombeiros de Vilalba tiveron que intervir para excarcerar o corpo do turismo.

No operativo participaron efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Vilalba e dos servizos de mantemento da estrada.

Por outra banda, minutos antes das 11:30 horas produciuse outro accidente na A-8, en sentido A Coruña, ao seu paso por Vilaframil, en Ribadeo. Un turismo e un autobús colidiron no quilómetro 512 da autovía.

As persoas que viaxaban no coche puideron saír do vehículo e foron elas mesmas quen alertaron dos feitos. Unha persoa resultou ferida e foi trasladada ao hospital. O autobús, pola súa parte, conseguiu deterse uns metros máis adiante.

Ata o lugar desprazáronse tamén os servizos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os equipos de mantemento da autovía.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com