O accidente produciuse nunha zona de monte de difícil acceso na parroquia de Valcarría. O home foi trasladado ao Hospital de Lugo con importantes lesións nunha perna
Un traballador foi evacuado este luns nun helicóptero medicalizado despois de resultar ferido mentres participaba na reparación dun tractor nunha zona illada da parroquia de Valcarría, no concello de Viveiro.
O accidente ocorreu pouco despois das once da mañá. Segundo informou o 112 Galicia, o operario recibiu o impacto dunha roda do vehículo cando trataban de extraela para reparala.
O golpe provocoulle importantes lesións nunha perna, que podería estar fracturada de acordo coas primeiras valoracións médicas.
As dificultades de acceso ao lugar do accidente levaron a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 a mobilizar un dos seus helicópteros medicalizados. Tras recibir asistencia no lugar, o traballador foi trasladado por vía aérea ao Hospital Universitario Lucus Augusti, en Lugo, para continuar co tratamento.
No operativo tamén participaron os voluntarios de Protección Civil e efectivos das policías Local e Nacional de Viveiro, mobilizados polo 112 Galicia.






