O Concello de Lugo impulsa tres novas actuacións orientadas a mellorar a xestión dos recursos e facer máis eficientes os servizos municipais, con dous proxectos relacionados coa rede de auga e unha actuación para modernizar a recollida do vidro.
Por unha banda, licitouse a redacción do proxecto de mellora e desenvolvemento do sistema de auga rexenerada de Lugo, co obxectivo de definir como aproveitar a auga depurada para usos autorizados e establecer as instalacións e os sistemas de control necesarios para facelo con todas as garantías. O proxecto estudará tamén o posible aproveitamento de infraestruturas e equipamentos xa existentes.
O orzamento base de licitación para a redacción deste proxecto é de 50.000 euros.
Contedores de vidro intelixentes
O Concello tamén licitou o subministro de contedores de vidro intelixentes, cunha capacidade de 3.000 litros, que incorporarán sensores compatibles cos sistemas municipais e coa plataforma Lugo Smart.
Estes sensores permitirán coñecer o nivel de enchido dos contedores e organizar as rutas de recollida en función desa información, co obxectivo de reducir percorridos innecesarios dos vehículos. Tamén contarán con sistemas de aviso ante situacións como o vuelco ou un incendio.
O orzamento base desta actuación é de 200.000 euros.
Máis control sobre a rede de abastecemento
A terceira licitación é a da redacción do proxecto de dixitalización e sectorización dunha parte da rede municipal de abastecemento de auga.
O obxectivo é mellorar o coñecemento e o control da rede, definindo puntos de sectorización e sistemas de medición e control, como caudalímetros e sensores de presión, así como os equipos necesarios para transmitir e integrar a información nos sistemas municipais existentes.O proxecto tamén definirá as obras e elementos necesarios para a súa posterior execución e licitación.
O orzamento base para a súa redacción é de 14.999,99 euros.






