Radio

Ter vivido dezasete anos en Radio Popular e dous na Radio Galega, convertíronme en home de radio por riba doutros medios que, se todos imprimen carácter, a radio ten tal personalidade, atractivo, engado, que quen a veza nunca a pode deixa.

Nos meus tempos de TVL téñenme dito que faciamos radio televisada, o cal me producía especial satisfacción. Por iso, cando no Hula me dixeron que ían darme radio, o primeiro que se me ocurríu foi que montaran unha emisora, e querían que fose falar das miñas produtivas incursións naquel especial mundo no que me teñen controlado e encantado.

É outra clase de radio, na que participan a diario moitos lucenses para solventar problemas médicos. Progresou tanto a ciencia médica – progresamos todos – que determinadas palabras deixaron de ter o seu mortífero significado, suavizando o seu sinónimo de traxedia.

Non é que a palabra “cancro” deixara de ter sentido, que segue dando que pensar, pero a ciencia e a detección precoz avanzaron de tal xeito, que xa entran dentro da nosa comprensión e conversación diagnósticos e tratamentos que non hai moito tempo arrepiaban.

Entro na sala de agarda da Radio e hai unha vintena de persoas expectantes; maquinaria e especialistas agárdannos; as máquinas están programadas para emitir na dirección do noso corpo que uns tatuaxes marcan.

Agora sei que hai emisoras de radio que emiten información, entretemento e cultura, para as ánimas que saben escoitar. E outras  benéficas cara o adentro de nós, atacando oscuridades, dando vida eliminando elementos outrora mortíferos de necesidade. Sempre a radio, como elemento de vida. Que vivan as radios, para que vivamos nos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com